O TINTEIRO | O |
20 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.EU PENSABA que aqueles delincuentes de tatuaxe, melena e vaqueiro axustado xa non se estilaban, e que os Toretes, Jaros e Vaquillas, tan ben retratados nas películas de Eloy de la Iglesia, eran unha especie a piques de extinguirse, como o lince ibérico. Este animal está a piques de desaparecer pola mesma razón que estes delincuentes: a crise do seu hábitat natural. Hai xa tempo que aqueles barrios obreiros de roupa tendida, nos que se escoitaba flamenco nun Seat 124, veñen de sufrir unha rexeneración. Hai novos mozos que aprenderon a lección da droga, moito máis traballo educativo e moito máis dinamismo cultural. Bo exemplo disto é o barrio compostelán de Vite. Hoxe un lugar puxante, rodeado de verde, e outrora un auténtico inferno. Por iso sorprende ver a foto na portada deste diario de Fernando Botana, alias Roque, que ten máis detencións que anos de vida, e unha estética tan pouco frecuente, que vai vestido como se fora disfrazado. Sorprende ese aire de El Vaquilla . Un, agora, agarda ver no xulgado a un hacker ou a un tipo que mentres vai esposado xoga unha partida á consola. Fernando é todo un revival . Como escoitar a Los Chichos.