A coordinadora comarcal de equipos de normalización lingüística inicia as actividades deste ano, cun mes de contacontos nos centros de ensino
08 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Brais Fernández e Mugardos son os artistas mozos que relatan as historias. Xa estiveron no colexio de Touro e o luns comezan en Compostela, no Xelmírez I, o centro onde ensina Pilar Reino, a coordinadora dos equipos de normalización. -¿Que outras actividades teñen este curso? -Na coordinadora comarcal están 24 centros, públicos e concertados. Os contacontos irán a 13, en marzo. En abril organizamos o oitavo certame de teatro intercentros, e en maio Correlingua, como principais iniciativas de colaboración entre varios centros. -¿É certo que a maioría dos estudiantes comezan a secundaria falando galego e mudan o hábito? -Os resultados dos traballos que existen avalan iso. -¿E por que acontece? -Porque a lingua hexemónica nos contidos, a lingua da educación, continúa sendo maioritariamente o castelán. Por iso non é de estrañar a actitude de abandono do galego por parte dese alumnado. O idioma que máis se lle ensina no sistema educativo é o castelán, e tamén nel se ministran a maior parte das aulas. -¿Como se podería mudar isto? -En primeiro lugar debería haber un debate sincero sobre as dificultades que ten o profesorado para utilizar o galego na aula. Hai moitas causas: desde persoas que teñen un coñecemento reducido da lingua, a docentes con prexuízos para usar o galego no ensino, o que os leva a unha inhibición psicolóxica; e outros casos, de máis fácil recuperación, de aqueles que o ven como unha lingua rústica, que carece de léxico culto. Subsanar estas lagoas podería contribuír a modificar a situación actual.