Lamenta que non se programen máis obras de compositores galegos e que, agás excepcións, teñan menos atención que outros creadores de cultura
15 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A Real Filharmonía interpreta no concerto desta noite a obra Mares nocturnos , do xoven compositor coruñés Manuel Balboa, un dos autores contemporáneos máis importantes do panorama musical estatal. -A obra programada era outra, ¿por que cambiou? -Porque Mares nocturnos, estreada en 1995, está inspirada na Costa da Morte, de donde é toda a miña familia paterna, concretamente de Muxía. Por iso o desastre do Prestige afectoume especialmente, e pedín que interpretaran esa obra como testemuña de solidariedade coa plataforma Nunca Máis, porque estou indignado coa campaña aberta contra dela, e cos voluntarios que acudiron a limpar as nosas costas. -¿Vive en Madrid polas maiores oportunidades? -Vivo en Madrid co sentimento en Galicia, a donde veño cada quince días. E funme no 80 porque me encargaron obras e era máis fácil estando alí. -A situación mudou. -Si, é outro mundo, sobre todo no ensino musical, porque no que respecta ós compositores, e non falo por min, prográmanse poucas obras de autores galegos, contemporáneos ou non, e reciben menos atencións, agás excepcións, que os creadores doutros sectores da cultura. -¿Depende da sensibilidade dos directores? -Moito. E Ros Marbá, que é un dos mellores directores, é moi aberto a correntes musicais non convencionais. Foi unha gran adquisición para a música galega. -¿En que traballa? -Nun ballet sobre o tema de Don Juan e algo para cine. Este mes estréase Ilegal, a longametraxe de Ignacio Vilar para a que fixen a banda sonora, na que hai un tema que canta Rosa Cedrón, de Luar na Lubre.