«É bo disminuir a distancia entre Estado e comunidade»

José Xavier Bom SANTIAGO

SANTIAGO

A política brasileira Helena Bonumá estivo onte con representantes do BNG no goberno municipal de Santiago, e o martes participou nun acto na USC

04 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Bonumá, que integra o goberno municipal de Porto Alegre, falou na Facultade de Políticas. Antes visitara Vigo, Pontevedra e Ferrol, e ficou «gratamente sorprendida das políticas dos últimos anos nesas cidades». -¿Qué suporá para Brasil o goberno de Lula? -Vai afrontar os problemas sociais, pois existe unha grande desigualdade: de 160 millóns de habitantes, uns 40 millóns viven na pobreza. Hai moita concentración de riqueza, de poder, de terra... e Lula representa a esperanza de mudanza. Agora, sabemos que a situación non se muda de unha hora para outra, iso non se fai nun corto prazo. Vai requerir unha grande capacidade de goberno, é un proxecto difícil de concretar, porque non hai democracia, nen transparencia, nen mecanismos de control político, e vai haber que intervir na estructura da economía, na procura dun outro proxecto de desenvolvemento. -¿Ve válida para Europa a experiencia de orzamento participativo de Porto Alegre? -O elemento fundamental da experiencia é a vontade política de democratizar a xestión pública, de crear unha nova esfera de poder, con cidadáns organizados e participando activamente. Cada lugar debe ver o modo de aplicar iso, pois é bo disminuir a distancia entre Estado e comunidade. -¿Qué imaxen leva da realidade galega? -En primeiro lugar que é un lugar moi bonito, con historia interesante. Acho importante a loita por recuperar elementos de nacionalidade, que compoñen a identidade; e o traballo dos compañeiros do BNG en Vigo, Pontevedra, Ferrol e en Santigo, que buscan abrir a xestión pública.