RÚA DO CHÍCHARO

La Voz

SANTIAGO

CONCHA PINO MI CALLE

22 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Quedou algo afogada polo vial do periférico que vai dende o Castiñeiriño a Conxo, o bautizado como avenida de Santiago de Cuba e construído sobre terreos das inmediacións nos que seguramente había prados e hortas. Pode que daí lle veña o hortofrutícola nome de rúa do Chícharo á que en tempos debeu ser un carreiro entre leiras. Soupen desta rúa ó circular pola rotonda do Castiñeiriño, dende a que se ve un cartel que a indica e outro recente que anuncia a construcción dunha nova urbanización ó seu carón que se chamará, tamén, do Chícharo. Gustoume saber que o nome desta rúa non era moderno e que non llo puxeron emulando ós centros das aforas a donde van vivir os urbanitas coma o das Mimosas ou o dos Verxeles. Aquí plantáronse chícharos, patacas novas, repolos e máis cebolas, cando menos coma os de Betanzos. Unha rúa con carácter esta do Chícharo, aínda que a ensombreza un vial de formigón, que o seu remate sexa a vía do tren e que a insolente e devoradora urbanización dos entornos naturais borre calquera vestixio de horta neste espacio. Entre as súas poucas casas unifamiliares, algunhas conservan o carácter rural que tiveron ate hai pouco, rodeadas de xardíns, patios e alpendres. redac.santiago@lavoz.com