ELISA ÁLVAREZ A CADEIRA
13 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Comezan de pequeno cando a avoa lembra aquelo que nos fai tanta risa ó marchar de viaxe: «hai que ir sempre limpios, por se tes un accidente». Segue na admiración secreta á rapaza que leva máis roupa de marca, ou nas olladas ó veciño elegante. Que dicir dunha entrevista de traballo, onde un piercing pode botar por terra seis anos de apoia-los cóbados e un expediente sen tacha. A importancia da apariencia é tal que ninguén pon en dúbida que se Rosa -a nosa Rosa de España, vencedora de Operación Triunfo para os xa poucos ateos que quedan-, colleitase tantos galos coma Verónica, tería saído desa academia na primeira semana. Minto, xamais entraría. Onte escapeille a un sen teito de madrugada. Botei a correr coma se me perseguira o demo sen que me dixera ou fixera nada. Non parei ata chegar á casa, e tras darme conta do ridículo cometido. Seguro que durante a carreira me topei con traxeados de peores intencións ou mesmo sexa eu de peor calaña. Ou non. É igual. O que non é igual é o medo que tan pouco me durou (tan so entrar no fogar). O que non é igual é a nova muesca que marquei nunha persoa que de seguro, e con razón, se irá facendo insensible. O que non é igual é o que sentiría el: a primeira vez sorpresa, a segunda pena, a terceira máis pena, a cuarta indiferencia e a quinta vez xenreira: perdón. elisa.alvarez@lavoz.com