X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT O FIADEIRO
09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Sucedeu hai poucos días nun supermercado da comarca. Os protagonistas: señora de mediana idade, o seu fillo mozo e a caixeira. Cando a empregada lle preguntou á muller en qué moeda quería o cambio, a paisana espetoulle asustada: «Ai, moza. Non sei como vai ser. Eu xa lle pedín a Deus que me levara antes de que viñera o euro». E o fillo retrucou, reprendéndoa: «Deus ten máis sentido ca ti...». Son dous xeitos de reaccionar diante da teima do cambio da nosa xa periclitada peseta. As anécdotas inzan neste tempo diante dos trocos entre o vello e o novo. Na señora do conto verídico e no mozo acugúlanse dúas maneiras de entender o proceso: a actitude preocupada, vellouca e desconfiada, e a adaptación normal sen medos e andrómenas. Entre nós ben coñecemos ambos procederes ante este euro ó que, por certo, en moitos lugares dos contornos temos oído varias veces chamarlle ouro. Quizais teñen máis peso na nosa memoria e linguaxe o nome do metal precioso, o apego ó «patrón ouro» ou os ouros como pao favorito dos xogos da baralla. Canto se ten triunfado en ouros encol de tantas mesas. É cousa de que os máis maiores, quen máis falan dos ouros, se vaian acostumando. Sentímolo por Spaak, Monnet, Schuman ou Hallstein, precursores da UE. Aquí as cousas callan de vagariño, coma o orballo; mesmo a idea da Europa unida ou a moeda común. Que para iso moitas teles nos seguen pintando de cote raros e inadaptados.