Mónica Alonso, artista Oito anos de traxectoria artística semellan o parvulario para avanzar nun proceso aberto ó futuro. Oito son os anos que acotan as doce obras que Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) expón no Centro Galego de Arte Contemporánea ata o 12 de abril. Son espacios domésticos, camas, habitacións terapéuticas... Convirte as salas do CGAC nunha cidade atemporal. É o universo dunha artista «cunha obra moi persoal, disfrazada de cousas comúns». Titulouna Mitga (Módulos individuales de terapia Galicia) 1932-2020. A primeira data ten que ver con algo que mudou a vida do seu avó, e a segunda é na que ela terá 50 anos.
24 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Mónica soña, «moitísisimo e dormida, uns soños que guían prácticamente a miña vida e que determinaron a estética do meu traballo, porque descubrín que as miñas pezas se correspondían coas imaxes dos soños». E decidiu potenciar esa estética «introducindo elementos da realidade, situándome na realidade virtual da que participa hoxe a sociedade». Pero hai máis. Esta muller de mirada aberta e intelixente confesa que lle obsesiona a ciencia ficción, «todo o que pasa no espacio, incluso a estación espacial MIR, unha referencia moi importante». Aplicou a lóxica de que a realidade virtual non supuxo unha nova dimensión para o ser humano, «porque as persoas seguen enfermando, morrendo e tendo necesidades fisiolóxicas, incluso nunha nave espacial». A decisión de Mónica de crear espacios domésticos e que o centro da súa obra sexa a cama vai máis aló dos soños e da fantasía futurista. «A casa -di- é o espacio máis importante do ser humano, que sempre busca un sitio para dormir e protexerse cando é máis vulnerable. Necesita aislarse de todo, e a casa é o paraíso da privacidade». A artista asegura que nunca insistiu tanto como agora en darlle forma «a obsesións moi persoais, e tamén moi individuais, enfrontando ó individuo consigo mesmo». Pero o ámbito da casa evolucionou. «Combino o descanso-aillamento do cuarto privado e do baño como núcleo vital da persoa, e paso ó cuarto de hotel para desviarme a balnearios e hospitais, os espacios terapéuticos que inventei, porque son lugares nos que cada vez se disfraza máis a enfermidade, lugares transitorios, como se a morte non existira». A cociña segue ausente, «porque aínda que ten unha filosofía moi interesante, é un espacio máis grupal, e hoxe a xente resolve moi fácil o de comer». A reflexión sobre a fusión entre arquitectura e escultura, «sen pretender suplantar nada», forma parte da filofía creativa desta muller, que chegou a crear una multinacional ficticia, Confotworld, «unha ironía, na medida en que a multinacional busca o control total do individuo e eu tento darlle saída. Pero xa estou pensando desfacerme dela, e ademais con fraude, abrir outra vía radical». Esta artista luguesa ten estudio na Fonsagrada, na casa da súa nai, e en Lugo cidade, «porque é máis práctico», porque estou moi cómoda en Galicia, «aínda que se necesite avanzar máis», e porque os referentes culturais «son moi importantes e están na miña obra, todo o que me emociona». Licenciada en Belas Artes en Salamanca e doctora pola de Pontevedra, aplica teorías e principios, profundas reflexións a un traballo minucioso e constante. Mónica contrastou en Nova York as súas ideas e confirmou o seu camiño dentro da arte contemporánea. Xa coñecía esa cidade, pero volveu cunha beca Fenosa e pensa volver coa axuda doutra beca que acaba de obter, esta vez de Endesa. En Nova Yok coñeceu ós artistas Vito Accona e a Ilya Kabakov, dous referentes para ela, «sobre todo Kabakov».