RÚA DE BAUTIZADOS

La Voz

SANTIAGO

CONCHA PINO MI CALLE

28 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunca conseguín saber a orixe do nome dunha das rúas máis pequenas de Compostela: Bautizados. Corta, pero densa en negocios e trasego de xentes que van cara á praza do Toural ou dende ela á Porta Faxeira. Bautizados é un lugar para atoparse con aromas, colores e sabores. Porque podes encontrar unha tenda na que mercar sementes, prantas e pezas de barro, ainda que se accede a ela polo Toural; unha donde encontar doces artesáns; outra na que os queixos de tetiña e de San Simón, os chourizos e os roxóns compiten con augardentes e viandas do país que atrapan a turistas e paseantes; e unha terceira na que entras a buscar pan e podes sair cun menú escollido e listo para poñer na mesa logo de pasar polo microondas. As opcións de compras aínda non se esgotaron nesta rúa que soa a auga bendita. Na Norma podes entrar a mercar lencería fina e de batalla, botóns, fíos, pasacintas e lazos de beludo ou de seda. Tamén se vai pedir ou pagar unha bombona de butano, facer cola para falar por teléfono, poñer un fax ou un e-mail. E ten espacios para o café repousado ou a cita de vagar no tradicional Gaiola, no renovado París ou no mítico Azul, que se asoma a este paso fronteirizo pola súa porta lateral do fondo. redac.santiago@lavoz.com