O Museo do Pobo ofrece na exposición «Signos e pedras erguidas» as linguaxes do espacio A antropoloxía e a poesía únense nunha exposición que se inaugura hoxe no Museo do Pobo Galego, realizada a partir de signos que o home imprime na paisaxe galega. O poeta e ensaista francés Yves Bergeret é o autor de obras captadas en diferentes espacios dende 1997, coa colaboración do profesor de traducción na Universidade de Vigo Anxo Fernández.
13 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A exposición titúlase Signos e pedras erguidas. O choído e o aberto en Galicia, porque da conta dos signos humanos que Bergeret observou na paisaxe galega, pegadas do home ó longo de séculos que, como as pedras colocadas en vertical para delimitar camiños e leiras, xa son vestixios antropolóxicos tras desaparecer moitas delas por mor da salvaxe concentración parcelaria ou polo arrase do malentendido progreso. Bergeret percibe na verticalidade das grandes lousas que aínda se poden ver en algunhas zonas rurais galegas «unha manifestación de intelixencia e a hipótese de que é un concepto que tamén está na arquitectura popular, sobre todo de portas e ventás», según indicou o seu colaborador Anxo Fernández. Do mesmo modo, ó poeta e creador francés chamáronlle a atención os signos, marcas e grafías que viu nas portas de moitas casas na zona de interior de Lugo que, a xuizo do creador francés, «constituen unha variedade plástica e estética desa intelixencia humana, capaz de facer agromar humor e ironía». Os pequenos azulexos de fachadas de Corrubedo, que funcionan como un caleidoscopio fronte ó mar, foron outro aspecto no que fixou a súa atención Bergeret. Como tamén o fixo nas pinturas populares e anónimas que atopou en retablos antigos de igrexas galegas, cheas de dinamismo e inxenuidade e que reproducen esceas animadas en paisaxes nos que sempre hai montículos «que parecen teatriños de guiñol».