A Sinfónica do Conservatorio de Melide grava no Auditorio un disco con bandas sonoras Música de cine a cargo dunha orquesta de película. A Sinfónica do Conservatorio de Melide fai pensar en filmes como «Fama», ¿lembran?, no que alumnos dunha escola de artes escénicas e musicais facían montaxes dirixidos polos mestres. Poñían a proba a súa capacidade artística e de superación, como fai a orquestra melidá, que grava estes días no Auditorio de Galicia un CD con dezaseis bandas sonoras de grandes películas. Estes temas serán, ademais, o fío conductor dun espectáculo que inclúe ballet e coro.
06 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ás dez da mañá de onte empezaron os ensaios para a gravación do disco por un equipo da Radio Galega que dirixe Pablo Barreiro. Despois de templar os intrumentos e de afinar, empezaron a facer probas de son e a gravar, parando aquí e repetindo acolá, Rapsodia azul, tema para o que contan coa colaboración do xove pianista Javier Grela, profesor no Conservatorio Superior de A Coruña. O director, batuta en man, volve unha e outra vez sobre determinado pasaxe antes de gravar co placet de Pablo Barreiro. A disciplina dos xovencísimos músicos chama a atención. Actuán con grande profesionalidade, pero hai momentos nos que algúns abúrrense, cando o director insiste co fagot e co oboe e lles toca agardar. O máis novo ten doce anos. Toca o trombón de varas, que abulta máis ca el, e está en cuarto do grado elemental. Ás dúas pararon para xantar. Quedaba por diante a tarde e as xornadas de hoxe e mañá para gravar setenta minutos de música, ás que engadirán no estudio as voces do coro mixto de Melide, que dirixe Valery Moriatov; e as de seis solistas «non líricos, pero con estupendas voces», como Alberto Cuña, que buscou a fama no programa Tequelexou, da TVG; Manuel Iglesias, Rocío Caamaño e as irmáns Irene e Jazmín Abuín Janeiro. O ballet Druida, dirixido por Mercedes Suárez, actúa no espectáculo.