JOSÉ XAVIER BOM A ENTREVISTA Elías Torres, docente da Universidade de Santiago e coordenador de «Galego no mundo. Latim em pó» O encontro internacional «Galego no mundo. Latim em pó», que porá fin á capitalidade cultural europea de Compostela en decembro, xa está programado. Hoxe é presentado en Lisboa, no Centro Cultural de Belém, nun acto ao que se prevé asistan o concelleiro Manuel Portas, o coordenador xeral Elías Torres, e os coordenadores das diferentes áreas do evento. A organización busca que sexa un acontecimento de exaltación do idioma galego, e participativo, para convencer máis ao pobo galego do valor da sua lingua.
29 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Elías Torres está satisfeito da participación atinxida, apesar do escaso tempo que se traballou na organización. _¿Cal é o obxectivo deste encontro internacional? _O primeiro a destacar é que os participantes acoden á chamada do galego, un idioma que sofre serios problemas institucionais e sociais, mas que convoca a representantes culturais de máis de 200 millóns de persoas. Porque o galego é a maior forza do noso país. _¿Cantos países van estar representados en Santiago? _Está confirmada participación de Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, San Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau, Mozambique, Timor; comunidades de emigrantes en Arxentina, Buenos Aires e Estados Unidos; e representantes de Extremadura, Asturias e o Bierzo. Ou o que é o mesmo: a representación do galego no mundo, onde hai posibilidade de usar un idioma común. _¿Resulta moi cara a organización? _Os participantes veñen movidos por Santiago e polo que significan o país galego e o seu idioma. a organización non ten orzamento para pagar o caché da maioría dos artistas de música, cinema, teatro, literatura e xornalismo, moitos deles ultrapasan as nosas posibilidades, son moi elevados.