MÓNICA VÁZQUEZ A ENTREVISTA Xosé Francisco Reboiras, sacerdote da orde de La Salle As necesidades dun Mozambique asolado polas inundacións e as consecuencias tardías de 17 anos de guerra civil animaron a Xosé Francisco Reboiras, sacerdote de La Salle, a marchar como misioneiro este verán. De volta en Galicia, fai unha seria retrospectiva da situación do país.
10 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Non foi esta a primeira ocasión na que Xosé Francisco Reboiras se embarcou nunha experiencia de carácter humanitario. En 1980, pasou unha tempada prestando axuda en Guinea nun momento especialmente delicado. Pese a todo, Reboiras amósase disposto a repetir a experiencia en canto se lle volva brinda-la ocasión. _Inundacións, fame, conflictos... ¿Que lle ofreceron vostedes a unha xente tan necesitada? _O noso labor consistía en organizar unha biblioteca cos tres mil libros que se enviaban desde Portugal en dúas rexións de Mozambique. Eu, en concreto, estiven en Mangunde, en pleno mato, é dicir, na selva, a 300 quilómetros da capital. Había grande necesidade de libros porque as inundacións estragaron a maioría. Ademais, tamén se axudaba ós profesores, acostumados a dictar, a que dinamizasen as clases un pouco máis. _¿Corréspondese a imaxe que temos da súa situación co que alí sucede? _Todavía é máis grave do que se di. Pero, en xeral, a información que nos chega a través dos medios é válida. Toda a xuda que se poida prestar será ben reibida. _Pero hai moita xente que ten as súas sospeitas sobre o destino da axuda humanitaria. _A axuda chega na meirande parte. Nós mesmos estabamos alí a través dunha ONG portuguesa, Sopro. Pero confío moito máis nas canles de distribución das ONG que nas estatais. _Fáleme do traballo dos integrantes da misión. _Nós introduciamos os libros nas aulas e levabamos a cabo un labor catequístico. Nas misións non se fai distinción entre credos nin ideoloxías porque, á hora da verdade, todos necesitan comer e ser atendidos. Pero o máis chamativo é a promoción da muller que fan as monxas. Ensínanlles hixiene persoal, como coidar ós nenos... Están facendo un gran labor pola muller africana.