O premio

Susana Pose

RELATOS DE VERÁN

18.30 horas.

Enfundada baixo capas de la, e coa ilusión de dúas amigas por compartir un décimo de Nadal, saín ós 8 graos que marcaba o mercurio daquel 17 de decembro. Pasiño apurado contra o frío mentres os sentidos se deixaban engaiolar polas luces que engalanaban cada árbore da cidade. Cafeterías abarrotadas, facianas asindo a cunca do café para apegarse da calor que desprendía. Seguindo o meu camiño entre rúas de xeada, freei en seco: 76.015. Non foi o fermoso do número plasmado no vidro, senón o que vin a través del. Unha pequena tenda de barrio, desas que che lembran ás da túa vila, para aqueles que non somos nativos das grandes urbes e que nos aperta a morriña. As cores das froitas desprendían escintileos harmoniosos e ó fondo, envolta nunha touca, unha muller balanceaba nun banquiño vendo pasar as horas.

Entrei.

—Boas tardes… Perdoe… a lotería é da casa?

—É, si —dixo sorrindo mentres se erguía.

Devezo en cada palabra, mirada e xestos cómplices. A entrada naquel humilde e máxico lugar enriqueceume moito máis alá do que pode conseguir un décimo. 22 de decembro, 09.27 horas. Unha nena loura canta o premio «gordo».