O certame que gañou Sarela

André Maneiro

AL SOL

26 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O xurado fora unánime: a obra era excelente. Os congregados esperaban agora para descubriren a identidade tras o pseudónimo. Sería alguén coñecido? Unha autora novel? O notario abriu o sobre e leu: SARELA (ou Sistema Automático de Representación Estatística para Lingüística Aplicada). Foi así como, por vez primeira, un programa de Intelixencia Artificial gañaba un certame literario.

As reaccións do xurado foron variadas. A concelleira ría dos nervios e miraba ao seu redor. O académico calaba, tamén dos nervios. A escritora quixo emitir unha protesta que o notario desbotou de inmediato: as bases deste certame non impedían a participación de non humanos. Tamén os asistentes murmuraban entre si, desconcertados. Ninguén parecía encontrar as palabras para continuar. Que dicir? Premiábase a gran sensibilidade mostrada pola autora? Ou era un autor? Celebrábase o profundo coñecemento das personaxes retratadas? Os tópicos esfarelábanse ante a novidade da situación.

A concelleira, recomposta, tomou o micro. Aclarou a voz e comezou: «Hoxe é un día histórico. Co premio a SARELA damos a benvida a unha enorme capacidade creativa, un faro que alumea o futuro da nosa lingua». Fixo unha pausa, quería asegurar que os asistentes a seguían.

Continuou após recibir un tímido aplauso: «Temos ante nós unha gran oportunidade. Ante a perda de escritores, usaremos as IA para crearmos os contidos do futuro. Ante a perda de falantes, usaremos as IA para transmitirmos a lingua ás nosas crianzas». O auditorio concedeu outro aplauso, esta vez espontáneo. Entendeu que podía rematar: «En definitiva, o futuro... non! O presente! O presente é das IA! Elas son a garantía de supervivencia da lingua nai!».

Todos romperon a aplaudir. Os asistentes, un tanto aliviados, pola promesa de ir fechando o acto e comezar os pinchos.

O notario, con firmeza, porque estaban facendo Historia e, ademais, era o que había que facer. A escritora, contrariada, por manter as aparencias. O académico, reconfortado, pois aínda que non houbera falantes, seguiría habendo letras.

André Maneiro. Informático. 40 anos. Lugo.