O pobo de Barousía

Pilar Aurora Araujo

RELATOS DE VERÁN

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando aínda non viñeran os romanos a Galicia, o pobo de Barousía, vivía no «Val do río Salas», tamén chamado «Val dos mortos». A orixe destas xentes era de máis aló das terras xermánicas. Trouxeran con eles os cabalos e a lingua.

O nome do clan é Barousía. «Bar» porque foi a primeira nai sabia e guía do clan, seguido do nome da terra «Rousía», xa que nestas terras o vento brua moito.

Os omnipotentes veñen para escoitarnos unha vez ao ano, no día máis longo. A eles gústalles escoitarnos a través do noso lume e dos sacrificios. Veñen ao cumio do monte do Castro pois ten forma de pirámide que se insire no ceo. As persoas suben a el pola ladeira oeste e hai unha gran rampla para os carros. Os crentes veñen de moi lonxe pedirlles boa caza e moitos fillos.

Non só veñen os vivos, tamén traen aos defuntos. Neste val descansan todas as nais dos clans dende «Bar» ata a última, que nestes momentos é «Aino».

As correntes de aire traen as nosas andoriñas. Elas veñen dende moi lonxe, de onde viven as deidades e considerámolas as mensaxeiras dos espíritos. Elas pertencen ao monte do «Santo» ou «Santo vello», da aldea de Tosende.

O lugar onde nos falan, nas distintas festas, a deusa da terra, da fecundidade e das augas, e o deus das bestas e das montañas.

No «Santo» viven as mulleres oráculo que len o futuro polo voo das andoriñas, polo bruar dos refachos do ar nas follas dos carballos e nos caldeiros de ouro colgantes. Miden o tempo segundo as lúas e anótano na pedra como as liñas circulares dos troncos dos carballos.

O pobo de Barousia traballa na construción dos túmulos para recordaren as nosas nais. É un clan poderoso, por teren bos cabalos e xinetes guerreiros moi destemidos. Seica os oráculos din que virán moitos guerreiros buscar o noso ouro, que cambiarán os camiños, levarán os mozos, virán ventos novos, o río Salas non lle dará de beber ás andoriñas e todo quedará no esquecemento. Agás unha pía dos oráculos, que a porán no centro da gran vila da contorna e que decorará e regará un xardín.

Se hoxe ides ao Concello de Ourense, atoparédela por detrás nun xardín. Alí está.

Pilar Aurora Araujo. 56 anos. Ourense.