O mar, Aixa, é o mar! Nguei berraba de alegría e instintivamente tomou a man da rapariga e arrastrouna ata a cima da duna.Ela, exhausta, apenas foi quen de esbozar un xesto de ilusión e volveu pousar a cabeza sobre a area ardente. Agora temos que buscar a maneira de chear á outra beira. Din que alí a vida é doutro xeito, xa o verás!, musitou o rapaz.
E sen pensalo, botouse a rolos pola area abaixo ata se mergullar na auga entre xemidos e risas sen sentido. Case o conseguimos, Aixa. Veña, arriba!, berroulle eufórico.
Ano e medio botaron en alcanzar o Mediterráneo dende que el tomara a decisión irrevogable de abandonar o poboado. Aquel día, mentres alindaban o rabaño, Nguei soltoulle de súpeto á súa irmá sen máis explicacións: Aixa, ti e mais eu imos marchar agora mesmo lonxe de aquí!
Ela, perplexa, só atinou a preguntar: E as cabras? Devoraránas as feras se as deixamos! Por resposta, o rapaz tirou do seu brazo con forza.
Que volvan soas ao curral, xa saben o camiño! E botáronse a andar coa única certeza de dirixirse sempre cara ao norte. Uns días antes de tomar esta decisión, Nguei estivera con outros rapazotes do seu tempo e falando entre eles concluíran que con quince anos xa eran maiores dabondo para decidir sobre as súas cousas sen tutela de ninguén. Conque el, con xuvenil determinación, foise dereito cara á súa cabana para lles comunicar aos maiores tan importante decisión.
Ao chegar, detívose un instante diante da porta para coller folgos e foi daquela cando escoitou con nitidez unha voz autoritaria que lle resultou descoñecida: a nena hanma entregar pura, do contrario racharei o trato! Sen outra palabra, un home curtido saíu da casa con paso firme.
Nguei comprendeu de súpeto a escena: Aixa era o obxecto do trato e a amputación, o prezo da súa pureza! Xustamente nese intre, Nguei soubo que xa era maior para tomar decisións por si mesmo sen ter que consultallas a ninguén: El non ía permitir que a súa irmá sufrise tan inxusto e inhumano calvario.
Benxamín Roxa Coladas. Xubilado. 70 anos. Vigo.