O primeiro día de pesca

Antonio Gaio Caramés

RELATOS DE VERÁN

Con que ansia esperaba eu de cativo que chegara o dezanove de marzo! E non polo santoral en si, que pouco me importaba, senón porque ese día comezaba a tempada de pesca.

Non é que fose un amante dese deporte, pero desexaba que chegara ese día para poder ir ó río co meu avó, iso si que me gustaba. De feito, creo que a meu avó tampouco lle gustaban moito as troitas, pero o feito de ir comigo non podía negar que lle enchía o peito.

O ritual comezaba o día anterior cando íamos coller as miñocas que farían de cebo para a xornada seguinte. Preparabamos as canas, o cesto, as caixas dos anzois, os chumbos… sen que se nos esquecese nada.

Ao día seguinte, abrindo o día, marchabamos para o río. Iamos dando un paseo pois o río estaba a dous quilómetros escasos da casa. Buscabamos un sitio bo para asentar e, despois de lanzar os cebos a auga, sentabámonos a esperar que algunha troita tivese fame; cousa que poucas veces ocorría porque os pescadores eran cativos.

Mentres iso pasaba, meu avó empezaba a contarme historias, contos, ou non tan contos, que lle pasaran a el ou a algún veciño, que a min me traían de cabeza, e reteño na miña memoria.

Era, sen dubida algunha, o que máis me gustaba do día. As troitas pouco me importaban, pero as historias de meu avó eran a mellor captura que podía ter feito.

Tanto é así, que na súa memoria, aínda a día de hoxe, cando chega marzo, preparo todo o material de pesca: canas, cesto, anzois, chumbos…. Coma se meu avó viñera a buscarme ó día seguinte para ir ó rio, aínda sabendo que non vai vir. 

Antonio Gaio Caramés. Comercial. A Estrada.