O pan de cada día

Soledad Soliño Lago

RELATOS DE VERÁN

16 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba no portal en bata e zapatillas, eran ás sete e vinte da mañá e a néboa facíase fría. Non sei se me asustei ou enfadei, pero alterouse a calma e baixei disposta a decir unha chea de obviedades. Sorriu “Como está usté?. Estou a esperar para pagharlle á panadeira porque sempre me escapa.” Nada dixen senón que pasase para adentro que ía refriarse. Era a penitencia e o rito que orientaba os días; coller o pan, non variar as mañás , deitarse e espertar cedo porque “logho vén a panadeira”. Continuou aí coma paxariño agardando o alimento, confiada en que ao vela pararía a furgoneta antes de chegar ao seu portal, 50m. máis abaixo.Cousas reviradas do pensamento para refacelas en difíciles!

Agora, dende que o confinamento deformou as estructuras da vida, tamén eu collo pan, e colgo a bolsa aí no portal, e de paso o bólo sen sal dela, para que estea tranquila de encomendas.

-Teño que darche cartos para a panadeira porque xa está ben de comer pan de balde.

Sempre lle decía que lle poñía os cartos aos sábados e hoxe non era sábado.Pero aquel luns contestei que o pan non se paghaba con cartos.

- Entón, con qué?.

-Con cariño.

E veu darme un grande abrazo. Foi nun domingo calquera que se lle deu por ir ata Peinador, porque xa non lle quedaba bolo e así, cambiaba de aires e estiraba as pernas, e espabilaba as varices. Vina no portal engurrichada e desamparada, e medio chorando decía que non sabía como facer, que andaba desorientada, apretando con forza o pan na man. A cousa foi, que cando lle despacharon o bolo, preguntou cántos abrazos valía, despois do desconcerto, dixéronlle que se paghaba con cartos, que había que manter as distancias. Deixárona ir, sen máis, co bólo.sen cobrar. Dende entón a tristeza da miña Nai medra e medra, anda sen rumbo nas horas, no pan de cada día. Sen fe.

Soledad Soliño Lago