O inverno esmorecía de vagar nos primeiros días daquel mes de marzo de 1972 e mamá dubidaba se debía ou non deixarme ir a Compostela á casa da tía Marce a pasar a fin de semana, a segunda daquel mes con fama de toleirón. En maio eu cumpriría doce anos. Decidiuse por fin cando aprobei matemáticas, asignatura que sempre suspendía.
Cheguei á casa da tía Marce o venres de noite. Mamá e a tía Magda avisáronme de que tivera coidado coa Fusión. A tía Marce chamáballe así a un licor de intenso arrecendo feito cunha variedade de ameixas do seu horto. Ninguén, agás ela, coñecía a fórmula do licor. Mamá e a tía Magda dicían que con cada grolo de Fusión os ollos empezaban a dar voltas e a mente a ter delirios que che levaban a ensoñacións nunca matinadas.
Levei comigo o cadro que me regalou a tía Magda pola miña primeira comuñón, para penduralo na parede da miña estancia naqueles días de lecer. Eu tíñalle moito aprecio a ese cadro, que debuxaba unhas árbores movidas polo Nordés co fondo dun ceo gris.
O sábado de mañanciña saín a pasear. Un sol de inverno devalaba sobre os xornais do quiosco próximo. Os titulares falaban duns homes mortos a tiros en Ferrol, chamados Amador e Daniel, sen máis detalles. Seguín con desacougo a miña andaina polas rúas húmidas, transitadas por xente aterecida. Non me gustaban as armas, nin as guerras.
Pola tarde a tía Marce ofertoume un grolo de Fusión, e gardou a botella, como facía sempre. Tomei o licor con gana. Non me sentín ben e retireime ó meu cuarto. Os ollos dábanme voltas. Mirei o cadro. Xuro que o vin. E canto máis tempo pase dende aquel día máis o xurarei. No cadro non había unha triste paisaxe invernal. Había un solleiro campo cheo de mapoulas no que brincaban os merlos na procura de amorodos silvestres.
E cando espertei tiven a fonda sensación de que o tempo que me fixo albiscar por un intre aquel grolo de Fusión sería o dunha primavera definitiva, mellor que aquel inverno perdido na memoria no que un misterioso licor me fixo tremer.
Manuel Iglesias Nimo. 60 anos. Avogado. Santiago de Compostela.