Vidas cruzadas

Celestino Pérez Recarey

AL SOL

06 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba comendo coa miña muller cando empezamos a discutir. Non era a primeira vez; as cousas andaban mal entre nós. A discusión foi a máis e, nun arrebato, empurreina con tan mala sorte que bateu a cabeza contra un moble e caeu ao chan sen sentido. Asusteime. Tal e como a vin, deina por morta.

Eran as sete e media da mañá cando espertei. Tiña que almorzar e vestirme rapidamente porque debía estar no hospital antes de que marchasen as compañeiras da quenda de noite. Cando collín o coche, vin que eran as oito menos cuarto; chegaría a tempo.

Escapei da casa aterrado. Baixei as escaleiras precipitadamente. Xa na rúa vin que non había xente camiñando nin tampouco tránsito de coches; eran as oito menos cuarto da mañá e ademais estabamos en estado de confinamento. Botei a correr tan rápido como puiden. Corría e corría sen parar. Quería desaparecer! Estaba preto dunha avenida moi ancha; era a vía principal de entrada e saída da cidade.

Mentres conducía ía pensando como poñer todo o material de protección e recoller os informes que deixaban as compañeiras que remataban a quenda. Esperábame un día moi duro. Mirei o reloxo do coche; tiña que apurar se quería chegar antes. Xa principiaba a enfilar a avenida que vai dar ao hospital; dábame tempo se collía un pouco máis de velocidade; a esa hora non había ninguén circulado nin tampouco peóns.

Seguín correndo pola beirarrúa da avenida. De súpeto, déuseme por atravesala. Cando a estaba a cruzar vin un coche que se aproximaba a min a gran velocidade. Non me deu tempo a apartarme. Recibín un fortísimo golpe que me tirou na calzada. Sentín unha dor moi intensa. Logo percibín que se me escapaba a vida.

Non sei como pero, repentinamente apareceu diante do coche un home que cruzaba a avenida. Non me deu nin tempo a pisar o freo. Batín contra el con tanta forza que o despracei máis de tres metros. Baixei rapidamente para ver que lle pasaba. Mirei se tiña pulso; non llo notei. Aparteille a roupa do peito e acheguei á miña orella para sentir os latidos do seu corazón; non sentín nada.

Celestino Pérez Recarey. Xubilado. 77 anos. A Coruña.