Grazas

Andrés Pardo Carballo RELATO

RELATOS DE VERÁN

Aínda lembraba as palabras do médico: «Está vivo pero é moi posible que teña que levar unha cadeira de rodas para o resto da vida». E chorei. Moito. Menos mal que estaba a miña outra filla, Ana. Preguntamos se podiamos pasar a velo pero estaba durmindo: «Mañá», dixo o médico. E volvemos á casa. Esa noite non durmimos. O certo é, que ese día, cando Carlos colleu o coche pola mañá, ninguén sabía o que lle ía pasar. El non contaba con ter un accidente. Ninguén pensaba que fose chocar. Pero pasou. E por iso, cando me chamaron ó traballo, dicindo que meu fillo tivera un accidente de tráfico, non souben como reaccionar. Chamei por teléfono a Ana e fun cara o hospital. Ela chegou un pouco máis tarde. E agardamos. Catro horas. Sen saber que facer. E por fin chegou a nova. Ese día marcou un antes e un despois nas nosas vidas. Un pasado e un futuro. Comezamos a nosa vida normal. Ana e máis eu seguimos traballando. Seguín dando clases. Os meus alumnos preguntaban cando desaparecía un día ou me marchaba precipitadamente. Era duro. Pero ir a traballar axudábame a despexarme un pouco. El estaba sempre na casa. Aínda que fisicamente podía saír, non estaba preparado psicoloxicamente. E así pasaron os meses, os anos e Carlos seguía sen querer saír.

-Papá -díxome unha vez-, de verdade crees que unha vida así pode pagar a pena?

Non souben que dicir. Nunca souben cal era a resposta. A idea, quedou no aire durante un tempo ata que el mesmo topou a resposta. Non. Non paga a pena. Esa foi a súa decisión. O seu desexo. A xente non o entende. Non entenden que é estar sufrindo e agardando que algún día todo iso polo que estás pasando remate. Non entenden que se sente.

A verdade é que Ana e máis eu nunca estiveramos tan orgullosos. E nunca na vida comprenderemos por que o fixemos exactamente. Si por amor, por xustiza, por mágoa do meu fillo. Non o sei. Así, despois de axudarlle a tomar o veleno que rematou coa súa vida, despois de sufrir todo o que el sufriu e despois de pasar por todo polo o que el pasou, a súa última palabra, sincera, franca e chea de lágrimas, foi, e sempre agardará na miña memoria, un vulgar: «Grazas».

Andrés Pardo Carballo, estudante, 15 anos, Marín.