As ideas, en perigo de extinción

Enara Sánchez García RELATO

RELATOS DE VERÁN

A idea do conto sobre o mago ao que lle gustaba escoitar música heavy metal, caía precipitadamente desde o ceo. Iso quería dicir que, unha vez máis, outra idea acababa desbotada, pois ao non haber un cerebro que a quixese apadriñar, quedaba irremediablemente orfa.

Todo isto preocupaba, e moito, ao señor Big Ote, o ministro da Imaxinación.

Por moita publicidade que facía de libros, por moito que anunciase a esgalla que os nenos deben xogar a xogos tradicionais, que debuxar é para o cerebro coma auga de maio e que escribir historias para que outros as poidan ler mantén vivo o ciclo das ideas, por moito que se esforzase, a xente pasaba de todo. Entrementres, grandes e pequenos engánchanse sen tino ás pantallas e aos aparatos que consomen os miolos ata deixalos coma uvas pasas, perdendo no proceso a unión que conecta o cerebro coas nubes, ata quedar tolos de remate.

Este ciclo, que tanto inqueda ao señor Big Ote, ten moito que ver co ciclo da auga: nas nubes está o mundo da imaxinación, a orixe de todas as nosas ideas. Aquelas con máis sorte, que acaban nun cerebro de acollida, viven a súa vida ata o final e ven realizado o seu soño. Cando as nubes se enchen de ideas que ninguén quere, empeza a chover e vólvense a encher doutras ideas diferentes... e o ciclo vólvese a repetir ata que algún humano se acorda delas. Deste xeito, todas as ideas que foran descartadas nalgún momento volven a ser candidatas, como no ciclo da auga, porque todas elas teñen vidas sen fin.

Por iso se fala de brainstorming que, en galego, significa «tormenta de ideas», dise que hai «seca de ideas» cando estas escasean e te acusan de «estar nas nubes», cando parece que a túa mente está moi lonxe da terra. En realidade, é así… E nesas estamos: ideas hai arreo, pero ninguén que as aproveite.

De cando en vez, algún humano sorprendíao con algunha idea absolutamente xenial. Como aquela do morcego que usaba lentes e vivía nunha biblioteca no canto dunha cova, para así dedicarse ó que máis lle gustaba: ler.

Pero o señor Big Ote non se daba por vencido, non é deses seres que se desanima á primeira, nin á segunda, nin sequera á terceira. Ía poñer todo da súa parte para acabar con esta pandemia de ideas desamparadas.

Que as ideas vos acompañen!

Enara Sánchez García, estudante de 1.º da ESO, 11 anos, A Coruña.