Ergueuse cedo, coma toda as mañás daquel ano tan cheo de dúbidas e agonía. Na meixela dereita tiña impresa a marca da almofada, delatando o lado do que durmira. O cabelo encaracolado caía sen control a ámbolos dous lados da cara. Abriu a fiestra.
Naquela hora, só podían escoitarse os primeiros chíos dos paxaros e o cantar afónico dalgún galo. A brisa daquel momento do día inundou a estancia, mudando o aire espeso do cuarto por outro limpo que recendía a herba mollada, despois da cicloxénese da noite anterior, unha desas tan de moda. Mirou para fóra. Os veciños de en fronte durmían aínda. Non é que lle importara o máis mínimo, pero senta ben ás veces saber que te erguiches antes de que o mundo comece o seu frenético compás.
Neses momentos, ela xa tiña o cerebro a pleno funcionamento, mil pensamentos pululaban pola súa cabeza sen que fora quen de controlalos ou, moito menos, paralos. Sentou no chan. Respirou profundamente e reparou, por primeira vez dende que abrira os ollos aquel día, en algo importante: o medo estaba só na súa cabeza. O medo ao fracaso, o medo a decepcionar, o medo a vivir unha vida insulsa, baleira. O medo a ter medo.
Saíu do cuarto para darse unha ducha. Coa auga esvarando polo seu corpo e o vapor abrindo os seus poros conseguiu acougar esa mente ansiosa, tan súa. Secouse amodo. Vestiuse con coidado, sentindo a roupa de algodón suave na súa pel tostada. Coma se dun ritual se tratara, realizaba os movementos con precisión, con orde. Cando xa estivo lista volveu respirar profundamente. Colleu as maletas que a agardaban ao lado da porta e que ían cheas de todas as súas posesións e, tamén, de todos os seus soños. Mirou atrás unha soa vez. Mirou á casa que a vira crecer ata convertese na muller que era agora. Mirou ao ceo da súa querida Galicia, sempre gris como rezaba aquela canción de Siniestro Total.
O nó que tivera no estómago todo aquel inverno desfíxose por fin. Sorriu ao saber que estaba agora máis preto ca nunca da liberdade. Sabía que a esperaba algo grande. Sabía que non hai medo.
Andrea Quintáns Rey, filóloga inglesa, 24 anos, Cabanas.