Topámonos, como case todas as mañás das vacacións, no recheo xunto á praza. Onde se decidía o que fariamos o resto do día. Faloume, medio en segredo, do niño da merla. Quería miralo. Non llo dixera a ninguén pero el sabíao. Leveino onde a figueira xigante, que en poucos anos medrara detrás do muro do almacén. Sinaleillo. Moveuse arredor da árbore devagar porque non conseguía dar con el. Logo sorriu. Sen dicir nada, só sorriu. Xa está, avisou, e regresamos ao recheo. De camiño bisbou que coas figueiras había que ter coidado, porque as pólas son traizoeiramente fráxiles; e preguntoume polos paxariños. Contei catro, respondinlle. Agarroume do brazo e ameazoume se llo dicía aos demais. No recheo alguén rosmou que parira a gata de Dolores, que podiamos ir a que nos deixase ver os gatiños. Outra proposta, a de ir aos penedos a por caranguexos, gañou por goleada. Precisabamos dalgún caldeiro e uns garabullos para fedellar nos laños. Era un día normal, cunha pouca brisa de nordés e unhas cantas nubes brancas por riba das esculcas. En dúas horas enchemos o caldeiro. Era doado, iamos levantando as pedras e os caranguexos ficaban inmóbiles. Pintan o morto, repetía Toñito. A maioría eran queimacasas e patexos, non valían para ir aos polbos. Foinos separando e esmagounos cos pés contra unha pedra lisa cuberta de arneiro. Sorría mentres o facía. O mesmo sorriso que cando descubriu o niño. O resto levámosllos a Salvador, o polbeiro; a cambio regalounos unhas miñocas para ir aos serráns. Todas as mañás facía o mesmo, primeiro ir mirar o niño e despois marchar cara o recheo.
A mañá do día despois de ensinarllo, a póla estaba tronzada, os restos do niño esparexidos polo chan e non había rastro dos pitiños. Cando cheguei ao recheo, Toñito rosmaba que lle desapareceran dous fillos á gata parida de Dolores. Sorría.
Xacobe Domínguez, libreiro, 25 anos, Pontevedra.