Sombras no verán

Miguel Rodríguez Castillo RELATO

RELATOS DE VERÁN

O tempo pasaba amodo na biblioteca. No depósito, no soto da mesma, sen fiestras nin outro contacto co exterior máis ca un pequeno montacargas, unha única e aborrecida figura rompía a escura monotonía.

Mentres contaba amodiño cada un dos libros das baldas, unha moza queixábase pola súa mala sorte. Era verán e todo o mundo estaba a gozar da praia, todos excepto ela; e todo grazas á falta de persoal da biblioteca e unhas oportunas e sospeitosas baixas por enfermidade dos seus compañeiros. E tocaba facer o reconto anual de fondos.

Frío e escuro, para manter en boas condicións os libros que nel descansan, o depósito sempre tiña intimidado á bolseira. Habitualmente non tiña que baixar alí, porque traballaba nun despacho catalogando libros, mais agora non tivera máis remedio que facelo.

Tan absorta estaba nos seus pensamentos que non notara a feble corrente de aire viciado que saíra do fondo da escuridade. Como se unha porta pechada hai tempo se abrise de súpeto, enchendo todo co seu atrapado fedor. Cando o sentiu, foi máis ca un cheiro noxento, un arrepío na caluga fíxoa virarse asustada e abesullar con forza á escuridade. Mais non viu nada.

Aínda sobresaltada, retomou o seu traballo, procurando quitarlle importancia ao asunto, mais xusto nese momento unha das pálidas luces do teito comezou a titilar. Sorriu nerviosa polo absurdo clixé de filme de terror, pero a semente do medo xa tiña prendido na súa mente e non quería pasar nin un minuto máis alí abaixo. Dirixiuse ao montacargas, camiñando rapidamente e coa forte impresión de que non estaba soa. Os segundos que tardou o montacargas en chegar foran unha verdadeira tortura, pero finalmente abriuse a porta e puido entrar, xusto no momento no que todas as luces do soto apagábanse.

Cando o ascensor chegou á planta baixa e se abriu a porta non había ninguén nel. O depósito volvía a estar iluminado e tranquilo. Polo de agora.

Miguel Rodríguez Castillo, bibliotecario, 35 anos, Vigo.