A calor que facía naquel día de agosto, propia dun verán seco no que non caera nin unha pequena pinga de choiva, impedía que calquera asasino puidese pensar con claridade. A situación agravábase aínda máis considerando que o individuo do que estamos a falar estaba aínda pouco cualificado, xa que acababa de gañar este título por pura necesidade.
Alleo a que outra persoa estivese a observalo, este home achegou as súas mans trementes ao pomo da porta e, tras deixar unha marca vermella xusto onde pousara a súa man, conseguiu abrila -polo que eu sei, ese foi o primeiro erro que cometeu como asasino novato-. Deixar a primeira proba que o conduciría ao cárcere.
O veciño do quinto C subiu de maneira nerviosa os cinco tramos de escaleiras ata chegar ao seu apartamento, pasou rapidamente ao salón e correu ao cuarto de baño onde tentou sen moito éxito eliminar con lixivia as manchas de sangue que enchían a súa camisa. Tras quince atarefados minutos asomouse á ventá e achicando ben os ollos, debido ao seu problema de visión, conseguiu distinguir o corpo inerte da súa vítima. «Nunha cidade tan grande, ninguén notará a ausencia deste pobre animal», -creo eu que pensou xusto antes de que a noite caese sobre a escena do crime.
María Calvar Giráldez, 14 anos, estudante de 4.º da ESO no IES de Mos.