O final


Abriu a porta da casa amodo e botou as chaves por riba da mesa da cociña. Tragou algo de cuspe para facer máis levadeira a calor que se espetaba encol da vivenda compartida co seu marido e que se acubillaba en cada un dos seus recunchos. Ripou os zapatos dos pés e estarricouse con desleixo no sofá. Adoraba a súa confortabilidade e aquel tacto suave. Supoñía unha marabillosa paréntese no cabo dun duro día de traballo e antes de encomezar coas angueiras do fogar.

Alí, tomou a decisión que mudaría o rumbo dos acontecementos. Pensativa, deixou que o seu ollar atravesase libremente o cristal da xanela e con tento, se dispuxese nos lindes da infinidade. O luscofusco encheulle as pupilas de fulgor e a luz temesiña que lle coruscaba nos ollos deulle azos para facelo por fin. A decisión estaba tomada e de ningún xeito habería volta atrás. O camiño andado resultara pedregoso abondo, coma para non chegar até o remate daquela cuestión.

Dirixiu os seus pasos cara a cociña con firmeza, coa mesma firmeza coa que camiñan as persoas que se atopan a piques de trocar a determinación do seu fado. Abriu o primeiro caixón por baixo do moble onde colocaba a louza e fitou un coitelo groso cunha folla ben afiada. Apañouno e dispuxo un sorriso malicioso. Deses sorrisos que fican pendurados nun medio camiño entre a retranca e a xenreira. Ía rematar con aquela situación que tanto a fixera sufrir. Non cavilaba nas consecuencias, unicamente se deixaba guiar por aquel indómito impulso. A vinganza estaba a piques de producirse e non quedaba tanto tempo para acadar aquela sorte de liberdade.

Empuñou a arma e esgazouno no pescozo. Cortou a etiqueta daquel fermoso vestido que a mancaba no cachazo. Xa non a mancaría máis! Podería lucir elegante e sofisticada a un tempo, sen padecemento algún.

Pablo Nogueira Campo, 31 anos. O Carballiño. Mestre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O final