Que morra o conto!

Julia García Madriñán

CULTURA

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Subín con pés de la ao faiado por se a mamá me vía. A verdade é que non lle gusta que vaia pintar a mona alá arriba. Non o entendo, nin xamais o entenderei.

Mentres que vou subindo os chanzos axexo de vez en cando para atrás por se me ve e pon cara de ferreiro, coma cando non dou pé con bóla facendo os deberes.

Cando vivía a avoa era diferente. Ela sempre estaba contenta e convencía a miña nai para que puidese facer o que eu quixese. Agora non é así. Cada vez que se me antolla algo dime que está ata as orellas de min e eu nunca sei que fago para ter sempre a culpa de todo o que ocorre. A min paréceme que a bota moito en falta. Por iso está tristeira e encabuxada co mundo.

No faiado hai cousas especiais e antigas. Moi antigas. Por iso hai que andar con coidado por se rompe algo. Non vaia ser que leve outra berra da mamá, que está sempre a lume de biqueira. Se lle pregunto por que non podo ir ao faiado, sempre responde coa mesma ladaíña:

-Porque non.

Está claro que mamá non fala coma un libro aberto porque esa resposta non ten sentido ningún. Mira que a min me está custando ferro e fariña saber porque lle ten tanta xenreira ao faiado. Vouno descubrir eu soa, sen axuda, e que morra o conto.

Julia García Madriñán, 14 anos. A Estrada.