Mexericas


Foi cara ao alpendre e alí rastrexou con desinterese, como querendo facer tempo, na procura do cumprimento obrigado das ordes dun superior. Os nenos están para iso. Para obedecer. Mais non sempre. Hai circunstancias excepcionais que nos obrigan a tomar decisións en contra da orde establecida.

Sentiu remorsos pola súa fuxida, pero o medo anubráballe o siso. Ela viña dunha raza de mulleres valentes, afoutas, que lle facían fronte á vida. Anoxáballe agocharse coma un ratiño asustado nun recuncho.

O gume afiado da machada, a determinación nos ollos da executora, as mangas refucidas, os baldes cheos de auga fervendo e a encomenda que a avoa pronunciou dirixíndose a ela:

-Vai buscar unha vasoira vella ao cuberto para limpar o sangue.

Foi oílo e meu dito, meu feito. Botou a correr ás alancadas levada do demo cara ao vello alpendre. Alí matinou na procura dunha saída. Limpou a suor da fronte. A calor era abafante. Intentou adiar o desenlace, ir para a eira cando xa todo estivera rematado e só quedara ese cheiro acedo e graxo da morte, vernizando o luído lousado de pedra. Sentou no chan abatida pola indecisión e a temperatura e co siso entanguecido polo rastro vermello e estarrecedor. Sen querer adurmiñou.

Logo da soneca, deluvou os ollos preguizosa ao tempo que escoitou a voz condescendente e agarimosa da avoa, mentres lle premía un brazo para axudarlle a levantarse:

-Anda mexericas, esperta, mira que terlle medo aos polos.

Ángeles Madriñán González, 47 anos. A Estrada. Empregada pública.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Mexericas