O momento

Manuel Iglesias nanín

AL SOL

Manuel Iglesias Nanín. 49 anos. O Carballiño. Libreiro

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:52 h.

Hai mañás nas que te sentes como unha tea de araña. Incapaz de despegarte da pegañenta noite pero si capaz de rachar ao mínimo aceno de comunicación. Mesmo con esa mirada que evitas pero que te busca. Sen saber ela que non é o momento. Hai momentos que son cando son. Unha vez. Esa vez. Outros non o son. Por iso é mellor non provocalos. Non forzalos. Descoñeces se facer malabares serve para algo. De pequeno si servía. Non sempre. Pero temperaba. Agora non hai sosego. Nin opción á que arrimarse. Unha vez fóra, estás exposto. Ás veces gustaríame volver á non idade, onde os monstros asustaban e metían medo, mais ao final rematabas xogando con eles. Agora os monstros ademais pasan lista. E se non estás, van a por ti. A impermeabilidade non é posible. Está secuestrada. Xa non hai anestesia para o día a día. Aínda así seguirei facendo malabares. E ilusionándome. Cada amencer. Coa idea senlleira e irredutible de non renunciar!