Irene Castro Barreira. 22 anos. Estudante
27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Salvador era un rapaz de dezasete anos que vivía na Coruña. Un día decidiu chamar ás súas catro mellores amigas para dar unha volta ata a praia de Riazor, xa que estaban en xullo e as temperaturas aquela tarde eran moi elevadas. Mentres estaban no paseo marítimo, Mónica, unha das mozas do grupo, deuse de conta de que había moita xente que os estaba a mirar cunha expresión moi estraña. Ningún deles imaxinaba por que, xa que non estaban a berrar como facían moitas persoas. ¿Que estaba a ocorrer?
De súpeto, cando os cinco rapaces estaban a pasar por diante de dous homes adultos sentados nun banco, oíran que estes os estaban a criticar porque un mozo non debía andar con catro mulleres coma as súas amigas, a non ser que fose un «maricón». Ante ese insulto, outra das rapazas, Carolina, deuse a volta e pediulles que calasen a boca se non sabían respectar aos demais. «Dáme igual que sexan maiores ca min, eu polo menos non me meto con ninguén, e penso que non importa como sexa a xente con tal de seren boas persoas, cousa que vostedes, con todo o respecto, non semellan». ¿Era por iso polo que os miraba tamén o resto?
Neses intres, Salvador estaba a recordar o momento no cal decidiu volverse un rapaz feminino. Feminino porque non lle gustaba comportarse como os homes como os que acabaran de chamarlle «maricón»; non quería rirse dos homosexuais para encaixar, non ía comportarse como un idiota para chamar a atención dunha muller, senón tratala con respecto.
De feito, encantáballe Diana, unha das súas amigas, e ela o sabía. No momento en que os amigos seguiron adiante, ela decidiu pasear da man del; deulle un bico na meixela esquerda e díxolle que estaba orgullosa de como era. A Diana gustáballe que Salvador non levase barba, a súa camiseta rosa, as súas unllas pintadas de negro e o seu cabelo longo... E a sociedade que mirase o que quixera.