O señor Xosé

J. Antonio Giao Caramés

CULTURA

J. Antonio Giao Caramés. 45 anos. A Estrada. Técnico comercial

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que cando se cruzan no teu camiño fan que cambie a túa vida de forma significativa. Unha destas persoas é o señor Xosé.

A vida, vista dende os ollos de Xosé, ten unha interpretación moi distinta á que eu lle podo dar. Lóxico, por outra parte, xa que nos separan máis de corenta anos, e as formas de pensar, loxicamente, non son as mesmas.

Pero un home de case noventa anos, que pasou por vento e marea, xa non se sorprende con calquera cousa. Sempre está de volta de todo, sempre ten o ás para matar o tres. Pero o que máis me chama a atención e que, máis tarde ou máis cedo, sempre ten razón; e que traballo me custa darlla, pero tena, abofé que a ten.

Anda arrimado a un bastón por mor dunha perna que o ten algo eivado, «cousas da idade», di el. Eu sempre me meto con el: «Da idade non é, a outra perna ten o mesmo tempo e non lle doe», dígolle eu. El bota unha risada.

O señor Xosé traballou toda a vida nun serradoiro, corenta e dous anos, que xa son anos, pasando mil e unha, mollándose, e con non sei cantas calamidades. Pero gústame escoitalo cando me conta estas cousas.

Teño botado tardes enteiras de domingo escoitando as súas historias, aquelas historias que, a día de hoxe son case incribles, pero que foron tan certas como a vida mesma.

Esa maneira de contar as cousas, esa forma de expresarse, eses silencios que dicían tanto coma calquera verba; esa amabilidade…

O señor Xosé e un home dos de antes, dos que labraron o noso país, dos que non encartaba tan fácil, dos que temos que escoitar e admirar sen dúbida.

O señor Xosé é unha desas persoas que non debía morrer nunca.