A derradeira etapa

Jesús Garabato Rodríguez

RELATOS DE VERÁN

Jesús Garabato Rodríguez. 52 anos. A Coruña. Músico

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Co bo tempo que facía cando saín pola mañá e agora, de improviso, ponse a orballar. Parece que, por unha vez, os meteorólogos atinaron coas súas predicións. Terei que poñer o impermeable e seguir pedaleando con tino. Na primeira cafetaría que atope, pararei a descansar uns minutos e a tomar un café quentiño.

O que si teño que recoñecer é que a paisaxe é unha marabilla, con esta cor verde tan fermosa e intensa. Canta razón tiña Marisol ao aconsellarme que viñera. E que pena que por ese contratempo de última hora non puidera acompañarme. Algún día, farémolo xuntas.

Uf, como baixa agora a néboa. Parece que vai espesando a cada paso que dou. Non me estraña que haxa tan pouco movemento na estrada.

Eh, de onde sairía este. Malditos coches. É incrible, nin sequera se molestou en parar un intre para comprobar como me atopo. Menos mal que a bici parece estar intacta e eu, por sorte, non noto ningunha molestia.

Que curioso, agora brilla o sol. Xa faltan poucos quilómetros para chegar a Compostela e debo rematar a etapa e, así, alcanzar a miña meta. Aínda que o meu corpo permaneza aí, tirado contra o húmido e hospitalario bordo do Camiño.