O repartidor

María Isabel Pereira

RELATOS DE VERÁN

María Isabel Pereira. Betanzos. Bibliotecaria e documentalista

09 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os puntos cardinais da súa existencia racharon cando a viu máis preto do que endexamais imaxinara...

Manolo era metódico e rutineiro. Ás mañás erguíase ás sete, almorzaba sempre a mesma cantidade de leite mesturado cun pouco café e comía unha tosta de pan de centeo coa manteiga que mercaba a unha artesá. Durmía, almorzaba, traballaba, comía, traballaba, ceaba, saía a tomar as cervexas e volta a durmir, así pasaban os seus días.

Labouraba dende había anos repartindo gasosas no mesmo lugar no que vivía. Coñecido pola súa amabilidade, todos na vila o apreciaban.

Era un home cunha vida tan tranquila coma gris ate que aquel día topou con Sabela, á que lembraba dende nena faladora e arrichada.

Ela era loira, cos ollos azuis cun corpo tan engaiolador coma a mesmísima Maruxaina e a voz forte coma o ruxir do mar. Conversaba sobre Rosalía, Francisco Aguiar, Benedetti, aloumiñaba as almas coa súa graza. Sabela botaba as cartas, encarrexábase polas inxustizas, era de esas mulleres que tiña tantas ondas no pelo como soños cumpridos e desexados. Ela que se parou a falarlle un día sobre política, gastronomía e eses mariñeiros que lle tiñan o corazón collido como unha filla a unha nai. Contáballe as súas viaxes por Europa e a conclusión de que ningunha terra arrecende ao verdor de Galicia e ningún pobo abriu tantos camiños a todos os seres humanos cara o fito da cidade de Santiago, onde xorde día tras día, século tras século: a maxia da fraternidade.

Manolo buscaba a Sabela un día e outro dende aquel primeiro encontro. A súa conversa chispeante e fogosa convidábao por primeira vez na súa longa vida a sentir a plenitude.

As pontes de conexión entre aquela moza revella e aquel home xovial estableceron unha canle de agarimo. As súas miradas sostíñanse cunha luz que semellaba un «reparto de estrelas». As súas mans eran bolboretas que sobrevoaban inconscientemente os corpos desa alma feita no comezo do universo.

Unha noite Sabela e Manolo máis alá das diferenzas que separaron a Pilar e Saramago, fixeron das súas carnes unha catedral de amor. Manolo cumpriu o seu sono segredo. Sabela atopou ao escultor da súa tenrura...