Lecturas

La Voz

RELATOS DE VERÁN

Carla Aldán. 36 anos. Bueu. Avogada.

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán do 76, con vinte anos acabados de cumprir, tomaramos a decisión de facernos anarquistas contemplativos. Levabamos uns cantos meses de democracia vixiada e xa nos repugnaban as formas e enganos da maioría dos políticos. Por curiosidade, asistimos a algún mitin dos que gobernaran na ditadura, e que con total impunidade ameazaban, se facía falta, con repetir o golpe de estado.

Nunha ocasión botáronnos a empurróns despois de levantarnos das cadeiras entoando aleluias. Coidabamos que a paz era o mínimo que lles podíamos dar a cambio. Acabamos estomballados nos bancos da alameda, lendo revistas editadas en Barcelona que nos instruían sobre naturismo e contracultura. Tamén xogabamos ao xadrez na de Sexo, que nos atendía con cucuruchos de manises e quintos de cervexa. Clara, na mesa do lado, lía unha novela de Cortázar.

Non sei se eramos felices, máis que os que repartían propaganda para que fosemos votar, pero estabamos oufanos e orgullosos de nós mesmos. O soño que alimentabamos era viaxar, tal vez a Lisboa, en contra de algún repugnante íntimo que insistía en que debíamos instalarnos en París ou en Londres. O único que nos atemorizaba era o frío inverno que se aveciñaba. Sobrevivimos a base de gabáns e bufandas que nos cubrían os as maiúsculos que pintaramos nas camisetas.

No verán do 77 abandonamos a alameda como espazo de meditación e eliximos un pequeno areal preto do faro. Mudamos a narrativa pola poesía e devoramos a Kavafis. Agardando pola posta do sol durante horas conseguimos o imposible de salgarnos en estatuas. No Nadal, Santi encadeou unha serie incontestable de xaque mates e recibín a primeira postal de Clara dende A Baixa. Soltar amarras da atonía que me atrapaba levoume o que tardei en mercar a tradución de Borges de Leaves of Grass e consultar os horarios de transportes La Unión na parada dos buses.

Carla Aldán. 36 anos. Bueu. Avogada.