Xosé Carlos Carracedo. 25 anos. Santiago de Compostela. Coordinador da revista «Cicloxénese Expresiva»
12 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Non acostumo a deletrear a vida deste xeito, mais a gama de emocións que nos abrangue ten situacións e lugares románticos, cursis.
Ocorreu nun concerto, cando maio se retiraba dándolle o paso a xuño. Ela cantaba, e digo ela porque nese café só existía a súa voz; que maneira de incrustarse no corpo, sorprendeume.
Tiña tanta forza que non me permitía pensar noutra cousa. Eles, na súa particularidade, citábanse coa mirada, agarrábanse cos ollos, unha fronte ao outro. Ela cantaba cancións tristes, eles latexaban sorrisos cómplices. Cantos mundos pode ocupar un café bar.
No clímax do concerto eles namoráronse con tanta intensidade das esencias desprendidas que apagaron as tristuras da música. Ela non puido continuar e o público, mudo, tivo que retirarse ordenándolle aos sentimentos depositados na mesa que volveran, que os precisaban para emocionarse noutro lugar, que aquel fora acaparado.
Na miña perspectiva, non collían os mundos que alí estiveran hospedados, só podía vela a ela.
Diredes, e a eles quen os descubriu? Debo confesar que era eu coa súa voz, mais esa é outra historia.
Despois das confidencias, que non vou a relatar, fuxín a reunirme comigo mesmo. Non lle pedín o teléfono, tampouco quixen saber o seu nome. Paseino moi ben.