Paula Quintás. 23 anos. Arceo. Xornalista amante da lectura
02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Miraba sempre arredor das dez da noite por ela.
Ao principio, pensaron que era un maleducado. Tanto asexar aos veciños fixo que a maioría comezasen a miralo mal e a comportarse con el como se non fose ben recibido. A señora Carme non lle suxeitaba a porta do supermercado cando se cruzaban cada luns; María non lle prestou dez céntimos un día que non lle chegaban as moedas para mercar o pan; e Ramón negouse a amañarlle o televisor até que a súa neta descubriu a verdade.
Foi un día longo, de verán, cando a noite chega tarde e marcha con rapidez ao amencer. Estivera xogando con seu primo na casa de Henrique, pero os rapaces decidiron que a cativa sobraba e mandárona para a casa. Cansa de axudarlle ao avó a colocar ferramentas no faiado, Elisa colleu a bicicleta e marchou despois de cear. Non chegou moi lonxe. Nada mais dar a volta á casa, chocou co vello e caeu, rozando os xeonllos. As bágoas e os berros da nena asustárono tanto que a levou no colo para a casa. Fíxolle as curas, consolouna e ofreceulle un batido de chocolate. Eran as dez e cinco da noite. E o vello comezou a chorar.
-Hoxe era o día! -berraba-. Seguro que era hoxe e eu non estaba atento!
E entón contoulle o segredo da xanela a unha Elisa que tardaría anos en entendelo. A mañá que chegou ao pobo, había máis de dúas décadas, a muller collera o coche para acabar de facer a mudanza.
-Volvo á noite, non me esperes para comer, pero acórdate de prepararme a cea que ás dez conto con estar de volta. A ver se me lembro do camiño!
-Tranquila, acénoche dende a ventá para que saibas onde parar.
Pero nunca regresou. Ese mesmo día, un camión levou por diante os soños dun futuro conxunto que nunca chegou a facerse realidade.
O vello fora ao enterro, mesmo lle levaba flores ao cemiterio todas as fin de semana. Sen embargo, cada día miraba pola xanela agardando a que a muller volvera con todas as cousas que deixaran atrás.