Relato de verán de José Antonio Giao. 43 anos. A Estrada
28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Unha mañá calquera, de calquera día do verán, coma case sempre, esperto cedo. A claridade que entra con forza polas fendas da contraventá do cuarto invita a levantarse.
Na primeira ollada cara ao exterior dáme a impresión de que o sol ten présa por saír. Uns cuantos pardaos que aledan o amencer coas súas melodías foxen ao sentir abrir a fiestra, pousándose uns metros máis adiante para seguir coas súas cantigas e xogos e distraen a miña atención durante uns minutos. A temperatura é agradable pero semella que o día vai ser caloroso.
A paisaxe que se pode observar dende a ventá é do mais fermoso que se pode ver. O orballo brilla coma un espello nos campos que se estenden cara o río; alá, ao lonxe, podo ver o Pico Sacro, ergueito con carácter insultante no medio da cordilleira que lle fai de escolta. Os raios do sol reflíctense no seu cume de cuarzo branco dando a impresión de estar nevado. A claridade do día permíteme ver as aldeas que se asentan ao longo da súa ladeira, chegando ata os mesmos pés do río Ulla, río que rega e lle dá nome a este fermoso val: Ponte Ulla, coas súas catro pontes, Santa Cruz de Ribadulla co seu fermoso pazo, San Mamede e a súa augardente, San Miguel de Sarandón.
Apetéceme dar una volta polos arredores, pero antes vou visitar a horta da casa que, a estas alturas do verán, está en plena produción. A rechamante cor vermella das tomateiras estame a dicir que xa teño cea, e o verde intenso dos pementos e as xudías que tamén terei xantar.
¡Que luxo!
Collo o meu sombreiro para protexerme do sol, que xa fixo acto de presenza, e dispóñome a facer a miña ruta. Cando levo uns poucos metros percorridos, atopo uns veciños que tamén se ergueran cedo para facer os traballos de fóra pola fresca, evitando así as horas de máis calor que hoxe serán duras. Saúdan efusivos ao meu paso, coma se houbese tempo que non me ven. A cordialidade e a nobreza da xente da aldea é dunha calidade superior.