Relato de verán de Marcos López. Chamán. 40 anos. Vigo
09 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Todo vai de mal en peor. O chamán da tribo séntese abandonado polos espíritos. O caso é que un home non é chamán así coma así. Ao chamán escólleo o dedo da natureza que deposita a sabedoría ancestral nun dos membros dunha comunidade logo dun camiño difícil, iniciático, de xaxún e retiros en solitario.
A supervivencia do grupo depende do chamán. Cando lle preguntan e esperan polas súas decisións, el ponse en contacto cos espíritos para que lle dean a resposta axeitada. Pero ultimamente todo vai de mal en peor. Teima por falar con eles pero os espíritos non se deixan consultar. Están desaparecidos. Non pode adiviñar cales son as mellores terras para cultivar, non pode provocar unha chuvascada, curar unha dor de moas ou desarranxos máis complicados como un corazón roto polo desamor.
Move ósos de polo, dálle voltas a pauciños de cores, tira pedras, remove area do deserto, salta cen veces ao pico pé, emprega moitas herbas que fuma e cheira e bebe. Hai días (todo hai que dicilo) que xa non sabe por onde anda, pero eles xa non lle din nada. Emprega mil formas diferentes para que lle fagan caso. Non hai xeito. Que ten que facer para comunicarse con eles?
Ninguén xa parece fiarse de el, tan perdido, tan dubitativo, sempre contestando «depende», «se cadra», «quizais». Pero a súa sorte vai cambiar.
Acontece preto do Bosque Negro, logo de camiñar moitos días. Cando xa daba por perdido o seu posto, chégalle unha onda de cobertura do máis alá. Por fin se conectan con el, consegue escoitar dentro da súa cabeza unhas voces que reverberan. Pero non entende a mensaxe. Que quererán dicir con esas estrañas palabras?
Os espíritos que desde hai tempo non falaban con el, dinlle agora unha e outra vez o novo xeito de comunicarse con eles: Whatsapp! Usa o Whatsapp!.