Luis Zahera: «Actuar é volver a ser o meniño que eras»

PONTEVEDRA CIUDAD

BASILIO BELLO

O artista volve a Pontevedra con «Noites de Retranca» acompañado por Manquiña e Víctor Fábregas

19 may 2022 . Actualizado a las 11:52 h.

A partires das oito desta tarde, o auditorio de Afundación acolle o regreso de Noites de Retranca con Manquiña, Víctor Fábregas e Luis Zahera. «Non sei xa se son dez ou doce anos que levamos con Noites de Retranca. Pasámolo moi ben», apunta este último, que nas últimas semanas estreou as segundas tempadas de La unidad e Entrevías, así como a serie Marea negra e agarda polo estreo de La última, a primeira produción orixinal de Disney+ en España.

—Que é máis complicado subir a un escenario ou interpretar un papel nunha serie ou nunha película?

—Eu que sei! Dentro da gran falsificación, da gran mentira que é o noso, do gran xogo, como cando eras meniño... Porque, ao final, actuar é volver a ser o meniño que eras. Dentro de todo isto, o máis puro, o máis disfrutón para nós, coño, é o teatro, o escenario, o palco. É en directo, miras para os ollos da xente. Coma o teatro non hai. Hai entrevistadores que me din: «Moito mentes con isto». Porque é o que máis me gusta e o que menos fixen. O que máis fixen foi televisión, pero o máis bonito é o teatro.

—Como é, despois de doce anos, levar este espectáculo de «Noites de Retranca»?

—Despois de doce anos e con esta pandemia mundial que houbo, a xente ten máis gañas que nunca de divertirse. Nunca sucedeu tanto o de dalas grazas. Antes a xente parábate e dicíate: «Moito me chista verte» ou «que pavero es». Pero agora, a xente párate para darte as grazas. «Moitas grazas. Estaba feito unha puta merda e necesitaba a alguén pintando a mona». A día de hoxe, a industria do entretemento, porque non facemos máis nada que entreter, é máis necesaria que nunca. E isto, entrecomillado.

—Imaxino que durante as restricións pola pandemia botouse de menos o escenario?

—Si. Aínda que teño que ser sincero. Que sempre traballamos os mesmos, tamén é verdade, pero nunca tivemos tanto traballo como na pandemia. As produtoras seguiron producindo, a xente estaba pechada nas súas casas e había que facerlle televisión. Tivemos moito movemento, pero había gañas de pasalo ben, de ver a xente pintando a mona, como di o bo de Roberto [Land Rober]. Recordo cando me chamou para que fora para Land Rober, que «hai que pintala mona, meu. Hai que facelo parvo» e agradecinlle moito iso a Roberto. E agradecinlle moito, tamén, o prantexamento. Estábamos todos acojonados, que gravábamos Land Rober sen público. Éramos dez persoas cando aínda había medo do contacto e non sabías que pensar e alí estivo xente como Roberto, como Gayoso dándolle duro. Non o digo en plan épico, senón no sentido de que se agradece volver e tamén agradécese haber estado.

—O que se soe dicir con «estiveron ás duras e ás maduras».

—Efectivamente. Pero metía medo estar nas duras. Cando me chamou Roberto e, hostia, seguir traballando cando aínda non se sabía como era isto... Morría xente. Axudoume e púxome no sitio de darme de conta de que os que son útiles son os médicos, pero tamén é certo que naquel momento a nosa industria foi útil para que a xente rira un cachiño.

—Para un actor que supoñen os premios, como o Goya ou o Mestre Mateo?

—Home, os premios están ben, é o cariño da xente. Empecei como profesional no 1992, estamos no 2022 e sigo traballando. Os premios están moi ben, pero o que valoro é que mantiven, que o público che quere, que os produtores che queren minimamente, que segues sendo resultón ou como lle queiras chamar. Os premios son unha mostra de cariño e quedan bonitos na estantería da miña tía Cefe, pero o que valoro é levar trinta anos nisto e non parar de traballar.

—Nestas tres décadas como evolucionou o mundo do espectáculo?

—Evolucionou moitísimo e máis agora coas plataformas. Cando empecei pasábamos da primeira e da segunda cadeas de televisión a Antena 3, Tele5, a TVG, a vasca, a catalá... E agora iso multiplicalo por 25 ou por 25.000 e estamos nunha nova revolución. Tiven sorte dúas veces. Agora é un momento moi doce para os que traballamos, aínda que sempre traballamos os mesmos, como me din os compañeiros que non traballan tanto. Estamos no medio dunha revolución absoluta. Non digo que sexa da importancia de cando inventaron a roda, pero cando inventaron o vapor por aí.