En A memoria do boi pódense ensaiar dúas lecturas diferentes. Primeiro, a do purista erudito que pasa as súas follas cunha man e coa outra, simultaneamente, as do diccionario; segundo, a do lector de a pé, que se deixa levar pola sinfonía conxunta dos signos escritos sen pararse a medir o valor de cada nota particular. Unha e outra lectura ofrecen praceres diversos e un pouco de sufrimento. Porque A memoria do boi é literatura de longo percorrido, en terminoloxía cara ao autor, un libro arduo, denso, cuxa profundidade non se albisca nunha primeira aproximación. O libro ofrécenos unha paisaxe complexa de historias breves na mellor tradición do relato curto, ensarilladas con mestría nunha estructura novelística precisa e efectiva sobre o soporte espaciotemporal de Boapedre, trasunto da vila de Pontevedra, aló nas primeiras décadas do século pasado. Os personaxes son homes e mulleres do común no amplo abano da catálogo social, predominando os que Victor Hugo, caracterizou como os miserábeis. Pero tamén achamos protagonistas as bestas, os lugares, os elementos, dotados de presencia singular e convertidos en forzas actuantes. E sempre, como engrenaxe permanente, o saber, a memoria. O resultado é unha novela coral na que cada ser é parte fundamental dun todo heteroxéneo e dramaticamente vivo. No plano estilístico, destacamos a mestura consciente da voz do narrador coa dos protagonistas, chegando a facerse un con eles, coas súas accións e pensamentos, para introducilos así no imaxinario do lector e espertar a propia memoria persoal, de xeito que os lugares, os acontecementos, os actuantes, acaban resultándonos familiares, parte das nosas vidas. Salvando as inevitábeis referencias a ascendentes de peso, entre os que podiamos sinalar texturas blancoamorianas e valleinclanescas, A memoria do boi é unha novela con alento innovador, construída con enerxía por un autor con forte personalidade, posuidor dun caudal léxico dos que dignifican un idioma e capaz de elaborar unha sintaxe persoal atrevida. Con aqueles materiais e estas ferramentas, velaí a memoria, a súa e a nosa. M. LOURENZO GONZÁLEZ , escritor