Poio e Baiona suman forzas para difundir as súas festas «históricas»

POIO

ADRIÁN BAÚLDE

«Sae moi reforzada a provincia de Pontevedra porque sirve para poñer en valor estas dúas festas, pero tamén a tradición mariñeira, a gastronomía e a beleza destas dúas vilas», destacou Luis López

17 feb 2026 . Actualizado a las 19:35 h.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, exerceu este martes de «padriño» na firma do acordo que oficializa a irmandade entre os concellos de Baiona e Poio para traballar conxuntamente na protección e divulgación da Festa da Arribada e do Día de Colón. «Neste acto sae moi reforzada a provincia de Pontevedra porque sirve para poñer en valor estas dúas festas, pero tamén a tradición mariñeira, a gastronomía e a beleza destas dúas vilas». Ademais, na nosa estratexia de turismo, este acordo permite avanzar na nosa aposta pola desestacionalización e descentralización», destacou o presidente provincial.

O convenio foi rubricado polos alcaldes Jesús Vázquez Almuíña e Ángel Moldes, acto que fixo da sede da Deputación unha sorte de embaixada. Ambos os dous rexedores asinaron un acordo que terá unha vixencia de catro anos e que recolle os obxectivos de realizar un intercambio cultural con presenza dos dous concellos en cada unha das festas e accións divulgativas en centros educativos. 

Deste xeito, buscase «a forma de potenciar Baiona e Poio, dous concellos que teñen características especiais como a súa historia e a súa cultura, cun porto deportivo ou museos relacionados coa navegación», precisoy o alcalde de Baiona Vázquez Almuíña. Pola súa banda, o seu homólogo de Poio, Ángel Moldes, incidiu na idea de que «poñemos en valor dúas festas con moito arraigo, pero tamén trasladamos a marca da provincia e de turismo Rías Baixas, que son produtos moi singulares e particulares como son a Festa da Arribada e o Día de Colón, dos que non moitos territorios poden presumir».

Luis López defendeu que este acordo fará das Rías Baixas un territorio «máis cohesionado, forte e unido», ao tempo que se mostrou convencido de que «indo unidos, chegamos máis lonxe e porque a liña máis recta para acadar unha meta é a da colaboración».

A intención é potenciar o carácter internacional da provincia e do destino turístico, así como reivindicar a historia de ambos concellos: «Lanzamos unha mensaxe a todo o mundo de que un dos fitos máis importantes da historia da humanidade tivo o seu epicentro na provincia de Pontevedra», remarcou Luis López deixando claro que Poio e Baiona son dous concellos que, «desde o punto de vista xeográfico poden estar moi lonxe, pero desde o punto de vista cultural, están moi próximos».