En man común!

Cecilia Vieitez XESTORA CULTURAL

POIO

Mentres que son días claves para a xestión cultural local, algunhas persoas (re)pensamos a obriga de garantir o acceso a cultura ou a activación das iniciativas participadas no propio territorio. Noutros tempos, tan preto, formamos equipas colaborativas que debullaban liñas de acción cultural.

En Poio, precisouse do impulso durante máis de catro anos, de concelleiras delegadas de área, coma Silvia Díaz ou Lidia Salgueiro, do persoal municipal e de min mesma, como técnica, que ía encadeando contratos temporais -en precario- subvencionados polo Plan Concellos, ou a prestación de servizos para a realización das funcións asociadas ao posto de Dinamizadora Comunitaria e Cultural, máis ben, de Técnica de Servizos Culturais.

Ao longo deste tempo, con adicación e honestidade, definimos, delimitamos e configuramos os eixos vertebradores da programación anual. Comezamos a idear propostas que responderan as necesidades de colectivos, persoas ou entidades. Dinamizamos equipamentos, mantendo activos, o Centro Cultural Xaime Illa, fixémolo visible na contorna, programando artes vivas, e esgotando entradas. Puxémonos no centro, o Bosque das Sequoias e a Casa Museo Colon, realizando as primeiras visitas teatralizadas ou actualizamos proxectos de base coma o Poioescena, as Letras Galegas, e as programacións veciñais en Lourido, Campelo, Combarro, Samieira ou Raxó, mancomunando esforzos e facilitando a colaboración da colectividade.

Durante meses, incorporamos espazos cidadáns improvisados, coma o Pazo Besada, Parque da Memoria, o Porto-Raxó ou as prazas Alfredo Romai e Tarrio, trasladamos a rúa actos institucionais- o Dia de Patria na Xurita ou no Casal de Ferreiros, espallando a actividade sociocultural, xerando conexións improbables para a visibilidade do tecido asociativo na veciñanza. Formaron parte, iniciativas de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, a proposta técnica do Nadal ou o Entroido, as actividades participadas do San Xoán, o Proxecto E- Trad, coa colaboración da mocidade e de mulleres vencelladas a localidade (coma no caso, de Teresa Valdés responsable de Bambú Producións, que nestes intres, atópase inmersa na rodaxe de «Un Asunto Privado» na vila de Combarro), todas elas, referentes a nivel autonómico e estatal.

Por todo isto e máis, entendo a cultura como unha vía de medranza, un soporte de identidade que require de profesionais cualificadas cunha traxectoria acreditada que, con rigor e visión, afronten os retos do presente para a sustentabilidade da cultura local do futuro. Deste xeito, fico tranquila polas metas alcanzadas, continuamos a medrar elaborando proxectos marco para a cultura galega e deseñando propostas de dinamización comunitaria e mediación cultural, có o acento posto nas contornas de participación dende a proximidade que esixi(mos) a administración pública.

Cada unha e cada un de vós posúe un anaco desta vosa (miña) historia, ben sexa dende os coidados a cidadanía, as ferramentas para o diálogo até artellando prácticas de desenvolvemento local. É unha rede infinita, que crea referencias e sinerxías para o mundo da cultura, da participación e da vida comunitaria.  

Atoparémonos noutros espazos de veciñanza, da vosa (nosa) vila.