Eucaliptos

MARÍN

DENDE A VENTÁ | O |

23 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NON hai árbore máis atacada que o eucalipto en Galicia. A min persoalmente, non é que me guste moito. Prefiro unha carballeira, un souto ou un piñeiro. Pero non pretendo falar sobre as virtudes das árbores, senón chamar a atención sobre unha actividade de mala veciñanza que está ocurrindo desde hai anos en Marín. A razón do meu enfado está na desaparición de grandes eucaliptos que en Mogor ou Aguete estaban prantados ao marxe da estrada. Cada certo tempo, un ou dous exemplares aparecen secos. E hai un modus operandi reiterado en moitos casos. Alguén taladra a corteza e coloca no burato ácido, que ao chegar a savia mata a árbore. Isto non tería nada de particular se un o fai na súa propia veiga. Cada pau que agante a súa vea. Pero non ten xustificación cando alguén, para sacar algún beneficio, faino na finca do veciño do lado. Ao final, o «valente» taladrador nunca aparece, xa que ataca de noite, e iso obriga ao dono da árbore a ter que asumir só o custe de talalo. Hai quen di que hai moitas razóns para isto, e que ás veces é para que alguén «gañe» vistas ao mar. Non sei se será certo, pero ese rumor é tan vello como a práctica. Sexa como sexa, ninguén ten dereito a danar a propiedade allea.