Cando o salvamento acuático lle roubou o mando da tele á Liga e á Fórmula 1 en Caldas de Reis
CALDAS DE REIS
Dez locais caldenses colaboraron coa federación para emitir o Campionato Galego Xuvenil e Cadete ante a falta de aforo na piscina Antía García
12 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Caldas de Reis viviu este sábado unha desas escenas que só se explican cando un deporte minoritario decide, por un día, comportarse como se fose de masas. O Campionato Galego Xuvenil e Cadete de Salvamento Acuático trouxo á vila decenas de deportistas e familias, e con eles un pequeno fenómeno sociodeportivo: a hostalería local tivo que poñerse en modo Champions para que ninguén quedase sen seguir as probas.
A organización xa o advertira con retranca: «Ante o elevado número de deportistas participantes, o aforo limitado da piscina Antía García queremos recomendarvos, na medida do posible, seguir a competición desde algúns dos dez establecementos de Caldas de Reis que ofrecerán a retransmisión en directo de todo o campionato». Unha maneira na que a federación de salvamento devolve o favor a Caldas pola acollida da proba e, ao mesmo tempo, xustifica a inversión no equipo profesional que se encargou de emisión da proba en rigoroso directo.
E así foi. Dez bares e restaurantes da vila ofreceron as súas pantallas para seguir en directo as carreiras, os relevos e os arrastres de maniquí. A escena, para quen entraba despistado a tomar un café, era digna de estudo sociolóxico: onde debería estar o Atlético de Madrid - Real Sociedad, había un 4x25 arrastre; onde se esperaban as emisións relacionadas coa primeira carreira do Mundial de Fórmula 1, aparecía un maniquí laranxa sendo rescatado a toda velocidade.
Durante unhas horas, Caldas volveuse a converter nunha especie de capital galega do salvamento, e os bares, nunha extensión improvisada da piscina Antía García. Entre tapas, cafés ou refrescos correndo entre mesas, seguíanse as probas con máis atención da que moitos lle prestan ao televisor que está de fondo mentres se toma o refrixerio na terraza.
Éxito dos locais
Para redondear a tarde caldense, o equipo local Club Acuático Umia deixou o pavillón ben alto con 22 medallas e varias mínimas nacionais. Os de Caldas de Reis volveron a subir a un podio dun campionato galego xuvenil tres anos despois ao finalizar a proba como terceiros clasificados, mentres que en categoría cadete as promesas do Umia se quedaron a un pequeno paso do caixón de premiación e tivéronse que conformar co cuarto posto.
Club Natación e Salvamento A Estrada, en categoría cadete, e Club Salvamento e Socorrismo Carballo, na xuvenil, foron os dominadores dunha tarde na que o Salvamento monopolizou a actividade deportiva da vila.