Prohibido pasar. Hai xente que leva nos ollos, esculpidas en barro, esas letras de silencio. Prohibido pasar. Coñezo homes e mulleres incapaces de sacar da súa mirada tal restrición. Non permiten tocar portas interiores. Son un centro comercial de compra/venda, cosmética, todo trivial. Superficie, artículos de fácil consumo, kleenex de usar e tirar. Xente que pasa pola túa vida disfrazada de home invisible imperceptible mínimo. Cando faltan, non deixan nin sequera a súa ausencia. Olvido. Outros, porén, deixan na túa pel as cicatrices do gozo. Achégaste ao seu recordo e cantas, ou choras: de alegría, precisamente. Xente de fervor e amor, uvas e dozura, cálidos. Eu quédome con eles. Son o meu patrimonio: anónimos conxéneres aos que amo polo que son, como son. Se non tes con quen compartir interiores, non vives. Pero para facelo debes saber que importa máis dar que recibir, sentir que anestesiar, compartir que competir. Os que camiñan o interior seguen a senda do paraíso. Non coloques nos teus ollos o cartel de prohibido pasar. Permite que entren os que merezan tal graza. Eses que non piden permiso para acariñar abrazar mimar coidar. Vivimos nun tempo tan frío que incluso os fríos están de moda. Eu prefiro os outros: xente de fervor e amor, uvas e dozura, cálidos. Non cambio a emoción pola conmoción das doutrinas. Non cambio os soños (meus) polos soños que outros soñaron. Todas as grandes historias de amor empezan por un «contigo». Permite que pase ese alguén, anda. Quita o cartel dos ollos. Non esperes. Permite que o sol penetre fértil en ti. No interior, digo: único reino que importa.