Lo que diga don Manuel

BARRO

DIARIO DE AURIA | O |

12 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MIRA ti por onde, colega, que teño mil motivos para escribir e non quero escribir deses mil motivos. Un, como os conselleiros, tamén debe retirarse. Para reflexionar. Non pechar os bares, recollerse ás horas, levantarse co sol e ofrecer unha loción de fresquísimo after shave ao seu corazón iluso. Reflexionar sobre o corazón lévame á falta de corazón. Aos políticos que utilizan as fotografías como se fosen postais de Nadal. Eles, Papá Noel. Elas, branquísimas Cincentas. Pero que non vaia o discurso dominical por estes camiños de barro e lodo. Falemos dos obedientes conselleiros cantando odas á vida retirada. ¿Falarán acaso do mala malita mala que está a situación popular en todos os confíns galaicos? ¿Falarán de Cabezas como único alcalde urbano? (¿E se non gana Cabezas que pasa?) ¿Falarán da chuvia? Tal vez non falen. Os conselleiros, neste país raro, escoitan. Escoitan ao magno Fraga Iribarne. E Fraga Iribarne intentará reconducir a situación. Colocar as súas naves mirando, de novo, o Norte. Lo que diga don Manuel: velaquí unha ética, un dogma, unha declaración de principios. ¿Y a usted, don Manuel, no le molesta tanto pelotillero?