Carla Simón, Pepe Solla ou Gustavo Almeida, outras das propostas de ocio desta xornada
06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O mesmo día no que Novos Cinemas se adentra de novo na Triloxía da vida de Carla Simón, Manel Loureiro desvela os segredos das súas historias nunha xornada plena de actividades culturais na contorna.
Cinema
Hoxe • 20.00 horas • Teatro Principal • O festival Novos Cinemas retoma o ciclo Triloxía da vida, percorrido polas tres longametraxes de Carla Simón, cineasta recoñecida co primeiro Premio Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra. Deste xeito, proxectarase Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale, con entrada gratuíta. Este ciclo naceu coa «vontade de volver ás películas da directora catalá e revisitar unha filmografía que xa forma parte esencial do cinema europeo contemporáneo. A primeira sesión celebrouse o pasado decembro coa proxección de Romería, nun pase especial organizado en colaboración cos Premios Feroz», mentres que o ciclo pecharase proximamente coa exhibición de Verano 1993, ópera prima coa que Carla Simón «conquistou festivais de todo o mundo e que tamén deixou a súa pegada en Novos Cinemas, onde se fixo co Premio do Público».
Música
Hoxe • 20.30 horas • Galería de arte Tangram • A escasos días de cruzar o Atlántico para ofrecer dous concertos na súa terra natal, Brasil, o cantante e compositor Gustavo Almeida ofrece unha actuación en acústico especial: «Se trata de una experiencia sensorial completa que marida la calidez de la música de autor con la exclusividad de la bodega italiana Fabio Cordella. Bajo el sello The Wine of the Champions, los asistentes podrán degustar vinos que cuentan con el respaldo de figuras mundiales de la música y el deporte, como Jon Secada o Ronaldinho Gaúcho, quienes han querido sumarse a este proyecto vinícola».
Literatura
Hoxe • 19.00 horas • Edificio Castelao • Organizada polo Ateneo de Pontevedra, Antón Baamonde presenta Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila no Museo de Pontevedra acompañado por Teresa Táboas, arquitecta e vicepresidenta da UIA, e polo xornalista Xosé Hermida. Deste xeito, Editorial Galaxia incorpora ao seu catálogo este ensaio que supón unha «reflexión crítica sobre o momento histórico que atravesa Galicia e as posibilidades que se abren nun contexto de transformación acelerada. Neste volume, Baamonde propón ler Galicia desde unha perspectiva renovada: combater os clixés, abandonar as retóricas da pasividade e reformular o modo en que o país se pensa a si mesmo».
Religión
Hoxe • 20.45 horas • Real Basílica Santa María la Maior • A Confraría do Espírito Santo rezará o seu terceiro viacrucis procesional desta coresma con acompañamento musical e leranse textos de Paul Claudel, escritor e diplomático francés que foi unha das figuras máis destacadas da literatura católica do século XX. Nado o 6 de agosto de 1868 en Villeneuve-sur-Fère e falecido o 23 de febreiro de 1955 en París, a súa obra quedou profundamente marcada por unha experiencia decisiva de conversión relixiosa que viviu en 1886 durante unha misa de Nadal na catedral de Notre-Dame de París, acontecemento que influíu no ton espiritual e simbólico de toda a súa produción.
Gastronomía
Hoxe • 12.30 horas • Bueu, Cuntis e Salvaterra • A Deputación de Pontevedra inicia a xira das food trucks que promocionarán as festas gastronómicas de interese turístico da provincia nos concellos de Salvaterra de Miño (Praza do Concello), Bueu (Praza de Abastos, os días 6 e 7 de marzo, e Pavillón de Deportes de Beluso o 8 de marzo) e Cuntis (Praza da Constitución). Ofrecerán degustacións inspiradas nalgunhas das 25 festas pontevedresas de interese turístico en horario de mañá (de 12.30 a 15.30 horas) e de tarde (de 18.30 a 21.30 horas). Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repartirase material promocional como folletos e carteis onde se recollen as datas de celebración destes eventos, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición de cada un, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.
Gastronomía
Hoxe • 17.00 horas • Mercado de Abastos • Nova sesión do foro de Novos talentos da cociña atlántica coa presenza do Estrella Michelin Pepe Solla e alumnado do CIFP Carlos Oroza.
Conferencia-exposición
Hoxe • 19 horas • Auditorio Emilia Pardo Bazán • O Concello de Sanxenxo culmina a conmemoración do 105 aniversario do naufraxio do Santa Isabel, feito ocorrido o 2 de xaneiro de 1921 fronte á illa de Sálvora e no que morreron 213 persoas. Este venres será o derradeiro día no que se poderá ver a maqueta do buque realizada por José Antonio Ribeira na entrada do Auditorio Emilia Pardo Bazán, unha coidada réplica con 1,80 metros de eslora, 24 centímetros de manga, 30 quilos de peso e un casco de poliéster con 1.400 clavos, espazo que acollerá a conferencia O Titanic galego: o vapor-correo Santa Isabel, a cargo do cronista oficial, historiador e xornalista Xosé María Fernández Pazos.
Conferencia
Hoxe • 18.00 horas • UNED • Manel Loureiro diserta sobre Onde nacen as historias: O camiño para escribir un libro (ou un guión) e non morrer no intento, de tal xeito que «esta conferencia preséntase como unha oportunidade única para adentrarse no proceso creativo da escritura literaria e guionística desde a perspectiva tanto teórica como práctica». A sesión está coordinada por Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra, e será presentada por Milagros Lores Torres, profesora titora doutora en Filoloxía e especialista en educación con perspectiva de xénero e políticas de igualdade. Está previsto que durante o relatorio, Loureiro comparta «as claves esenciais do proceso creativo, é dicir, como xorde unha idea, como se xestiona o seu desenvolvemento ata converterse nunha obra e que retos afronta o escritor ao longo do camiño. Este enfoque resulta de especial interese tanto para os estudantes universitarios de graos como Lingua e Literatura Española, Estudos Ingleses, Filosofía ou Antropoloxía, como para lectores e afeccionados á escritura que desexen afondar en técnicas narrativas e motivacións creativas». Dende a UNED engadiron que, polo tanto, «cita con Manel Loureiro preséntase, por tanto, como unha proposta singular para reflexionar sobre a arte de escribir, descubrir os procesos que unen a imaxinación coa técnica, e ofrecer ao público ferramentas valiosas para transformar ideas en historias que merezan ser contadas».
Poesía
Hoxe • 18.30 horas • Casa da Luz • Primeiro encontro de reflexión, poesía, música e debate Idades da memoria baixo o título de A arte da memoria. Entrada libre ata completar o aforo.