Os recorridos contarán coa presenza do comisario da exposición, o profesor Xosé Manuel Buxán
26 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este xoves, ás 18.00 horas, o Museo de Pontevedra arranca as visitas guiadas á exposición San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada, iniciativa que terá continuidade no mesmo horario os 12 e 26 de marzo. Estas tres visitas comentadas polo comisario da mostra, o profesor Xosé Manuel Buxán, completaranse cos percorridos introdutorios orientados polo equipo de Educación do Museo, que terán lugar os sábados a partir do 7 de marzo, ás 12.00 horas.
A participación nas visitas guiadas polo comisario require inscrición previa en museo.depo.gal, metres que para as visitas introdutorias dos sábados non é necesaria a inscrición. De igual xeito, está dispoñible a reserva de visitas guiadas na primeira quincena de marzo para a exposición Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, que se realizan os xoves ás 18.00 horas e os domingos ás 12.00 horas.
Dende o Museo destacaron que San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada, que se pode visitar no Edificio Castelao, está comisariada polo profesor Xosé Manuel Buxán Bran, artista e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e Natalia Fraguas Fernández, conservadora responsable dos gravados da colección do Museo de Pontevedra. «Reúne 77 gravados que van do Renacemento do século XVI ata as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampa barroca dos séculos XVII e XVIII», destacaron, ao tempo que incidiron en que se complementa «coa presenza da imaxe de San Sebastián na cultura e na sociedade actuais, a través de capas de libros, discos e revistas, deseños de camisetas, perfumes ou elementos publicitarios».